Dossier
Arbres monumentals i singulars
Espanya
|
Crònica
|
Natura
|

A árbore do tempo antigo

11/04/2008
|
Xabier Cordal,
Galicia-hoxe

As obras nunha estrada de Ourense destrúen vinte teixos centenarios, unha das especies enraízadas na cerna da Cultura occidental

A aldea de Rozadas, un núcleo situado entre A Veiga e Boal, foi escenario a semana pasada dunha protesta pola corta e maltrato de vinte teixos durante as obras para acondicionar a estrada AS-22. Cortáronse varios exemplares e outros foron abandonados nos vertedoiros de lixo. Árbores centenarias transplantáronse sen xeito e semella difícil, segundo afirman coñecedoras da especie, que arraícen de novo.

A variante autóctona do teixo (taxus baccata; existen outras once sobre o planeta) resulta cada vez máis difícil de ver nos bosques e nos espazos rurais. A eliminación do teixo resultou habitual durante os últimos séculos. Ducias de referencias toponímicas (Teixoeira, Teixeira, Teixeiro, O Teixo, etc.) xa non se corresponden coa presenza da árbore. No emblemático santuario de Teixido persiste a tradición de regalar un ramiño cando se mercan sanandreses ou melindres, pero as vendedoras gárdanse de revelar onde se atopan os teixos porque hai moitos anos que desapareceron da paisaxe.

O feito de tratarse dunha especie velenosa para os cabalos explica en parte as cortas masivas e a súa rareza actual. Variantes americanas do taxus sufriron o acoso das empresas farmacéuticas cando se descubriu a eficacia do taxol no tratamento do cancro. Uns miligramos dese principio activo presente no teixo esixen o sacrificio de numerosos exemplares.

O seu uso medicinal vén de moi atrás. Reputado antídoto contra os velenos, o teixo é de seu un veleno para o ser humano e para outros animais. Todo el, as súas follas, a semente (non así o arilo ou baga vermella que as recobre), poden producir a morte por inxestión. Moitos pobos da prehistoria, desde os mesmos galaicos do Medulio que citan as fontes romanas até varias tribos da Britania céltica usaban teixo no suicidio ritual.

Pero a utilidade máis remota de que temos constancia para o taxus baccata pertence á industria da guerra: lanzas, frechas e sobre todo arcos de teixo quedaron estrados polo continente euroasiático. Ötzi, a momia da Idade do Bronce atopada nos Alpes, portaba unha machada de cobre con empuñadura de teixo.

Na Europa medieval, coma en Grecia mil anos antes, os mellores arcos fabricábanse coa súa madeira. Os temibles e tantas veces decisivos arqueiros galeses (o chamado con frecuencia nos tratados "arco inglés", que pode medir até dous metros, é na realidade o arco galés) desenvolvían grandes potencias de tiro grazas á dureza e á elasticidade do teixo. As virtudes da súa madeira responden ao lentísimo crecemento, que vai unido a unha lonxevidade fóra do común: estímase que pode superar os dous milenios.

Se cadra ese carácter de permanencia e un porte sen dúbida maxestoso explican a tradición -desde a comarca do Eume até o Pireneo- do teixo plantado ao pé dos muros familiares. Tamén é habitual velo nos cemiterios e no adro parroquial, e no tempo último adorna os parques urbanos. O movemento conservacionista deu a voz de alarma hai décadas porque, a pesar de estaren os máis impresionantes exemplares catalogados e incluídos como ben de interese cultural, non corren a mesma sorte as fragas onde o teixo destaca sobre o resto do bosque atlántico.

É curiosa a competición que parece existir entre moitos países de Europa para se adxudicar o récord de concentración de teixos. A de Muckross, no Parque Nacional de Cill Airne, en Irlanda, os cordais do Sueve (Colunga, Asturias) ou o Teixedal de Casaio (Carballeda de Valdeorras) preséntanse ao turista coma "o maior bosque de teixos de Europa". Cifra arriba, cifra abaixo, o certo é que nas Illas Británicas e sobre todo na península Ibérica é onde mellor resisten os bosques con forte presenza de teixos, en ocasións con dominio case absoluto desta especie. Parece de xustiza recoñecer, no entanto, que as cento cincuenta hectáreas do Sueve gañarían a mención honorífica nese desputado Guinness arbóreo.

Escaso sentido ten particularismo ningún se nos referimos á ameaza que axexa a cada unha das superficies de altísimo valor ecolóxico que continúan sen gañar un compromiso claro por parte das autoridades locais e europeas; só elas poden defender este fósil vivente do lucro económico (segue ameazado o Teixadal de Casaio, en Valdeorras) e doutras agresións ambientais. Árbores singulares, con toda probabilidade milenarias, sen catalogar e sen acceso doado seguen a resistir nas reservas naturais do Cantábrico, onde o oso e a pita do monte.

Viron os teixos, da familia das taxáceas, nacer e desaparecer desde a súa aparición na Terra todo tipo de criaturas, entre elas os dinosauros. Pertencen ao reducido grupo de árbores que, coma o gingko nos países do Oriente, inspiraron vellas lendas moito antes de a botánica descubrir neles un monumento vivo. Os individuos, de feito, son de datación moi complexa. Nin o método de contar os aneis nin o carbono resultan fiables. Cada teixo crece de xeito anómalo: mentres se murcha a súa cerna, novas capas de tecido aparecen sobre a madeira que morreu, renovándose de fóra cara a dentro de maneira que ningunha porción de árbore será tan vella coma a árbore toda. Mesmo deixan de renovarse e de crecer para rexurdiren anos despois. Os mitos e relatos do folclore que conteñen o teixo como protagonista ou convidado especial son tantos que darán materia para outro artigo.